Sunday 05 de May de 2024

Abegondo aproba a conta xeral sen votos en contra e cun remanente de 873.000 euros


• O pleno fixa por unanimidade os festivos locais para 2024: martes de Entroido e San Marcos

O Concello de Abegondo celebrou hoxe a sesión ordinaria do pleno da corporación coa conta xeral de 2022 como un dos principais asuntos da orde do día. O alcalde, José Antonio Santiso, deu conta das principais cifras que recolle a documentación elaborada pola intervención, destacando a “boa saúde económica” do Concello que conta cun remanente de 873.928,16 euros.

Esta situación “permitiranos seguir realizando investimentos de interese xeral para Abegondo”, explicou. Segundo despréndese do documento, o Concello finalizou 2022 cun superávit de 228.129,80 euros.

A conta foi aprobada sen votos en contra, cos apoios do goberno local e as abstencións da oposición.

Outro punto abordou a designación de festivos locais para o ano 2024. O pleno aprobou por unanimidade a proposta do goberno local e os festivos serán o martes de Entroido, 13 de febreiro, e o día do patrón San Marcos, 25 de abril. Séguese así a tradición dos últimos anos en Abegondo.

Tamén se deu luz verde á participación do Concello no Plan Único adicional que financia a Deputación dá Coruña. O goberno municipal apostou por dedicalo a gasto corrente e así dispoñer desa contía para investimentos con fondos municipais, minimizando así as tramitacións. A suma que lle corresponde a Abegondo é de 458.535,14 euros.

O punto saldouse cos votos favorables do equipo de goberno, as abstencións do grupo socialista e o voto en contra do edil nacionalista, que o xustificou por preferir dedicar o plan a investimentos de forma directa.